Matarile Teatro volve aos escenarios con "Staying Alive"

      Matarile Teatro volve aos escenarios coa estrea de "Staying Alive" os días 27, 28, e 29 de setembro e 4, 5, e 6 de outubro no Auditorio da Universidade (tras a Facultade de Farmacia) en Santiago de Compostela. Podes consultar a AXENDA TEATRAL do blog para coñecer a programación teatral.
    Era cuestión de tempo que Matarile Teatro reunise un elenco composto maioritariamente por intérpretes que proceden do mundo da danza. Neste caso tres mulleres: Mónica García, Rut Balbís e Nuria Sotelo, bailarinas/actrices coas que Ana Vallés compartirá a escena, asumindo tamén a dirección. O proceso de creación transcorreu durante os meses de xullo, agosto e setembro dentro do Auditorio da Universidade, un antigo espazo de exhibición que se encontra neste momento desmantelado, casi diáfano, que perdeu totalmente as suas características de teatro/auditorio para converterse nun espazo con un gran potencial escénico.
     "Staying Alive" contará coa iluminación e elementos escénicos de Baltasar Patiño, que propón unha iluminación activa e dinámica, non pre-programada, realizada en tempo real, integrada neste espazo tan peculiar. A luz será adaptada e modificada posteriormente en cada teatro ou espazo durante a xira do espectáculo. A adaptación é unha das características de "Staying Alive", que ao ser creado nun espazo tan particular quedará condicionado nas súas futuras representacións, concebido para realizarse en espazos non convencionais ou teatros onde o público poida compartir a caixa escénica coa compañía. Será un espectáculo en constante evolución, propiciando o carácter de "acontecemento" en cada representación.

   FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA              
· Elenco: Mónica García, Nuria Sotelo, Rut Balbís, Ana Vallés
· Creación e dirección: Ana Vallés
· Iluminación e son: Baltasar Patiño
· Asistente de iluminación: Fran Núñez
· Asistente de dirección: Daniel Baamonde
· Produción e distribución: Manu Lago
· Produce: Matarile Teatro

 

En Staying Alive partimos do significado do propio título: seguimos vivos, mantémonos vivos. Desde a peor Europa posible. A pesar do medo, ou por riba do medo, ese medo incerto que vivimos en Europa, sobre todo os habitantes do sur. Partindo do difícil que é ver o que temos diante dos nosos ollos, xorde a necesidade de plantexarnos cal é o noso lugar no mundo. O que se insinúa ou se suxire importa máis que o que se afirma ou se mostra. Provocar a maxia do que pode ser, a imaxinación do que non coñecemos, a suposición doutra realidade que nos atrae polo misterio do descoñecido. Un imaxina viaxes que non chegará a facer nunca. “Os preparativos da viaxe son máis excitantes que a viaxe mesma, quizáis porque neles a imaxinación é moi poderosa e todo é posible antes de poñerse en movemento”, como di Vila-Matas. Movémonos por emocións; as emocións lévannos a entrar en acción. Entremos, ¿por que non? As plantas, que non teñen emocións, non se equivocan. E como dicía Roberto Bolaño: “O mundo está vivo e nada vivo ten remedio. Esa é a nosa sorte”

FOTOGRAFÍAS: Manu Lago
AGRADECEMENTOS: Manu Lago 

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.