Julietavirtual: o novo proxecto de Anómico Teatro

     Julietavirtual é un proxecto desenvolvido por Anómico Teatro baixo a premisa da interrelación de materiais de video, danza, teatro e performance. O texto do que se parte, subtitulado "Como emular a Heiner cun desatascador" é un panfleto abertamente político e escrito en verso que resucita á Julieta de Shakespeare para crear un virus de xustiza na Rede. O discurso visual de Julietavirtual circunda en todo momento a fractura no ritmo, dende silencios de escuro ou zonas de extrema lentitude á emisión espectral de mensaxes de carácter subliminal.
     O día 20 de setembro Julietavirtual chegará á cidade de A Coruña: ás 20.30 h. na Casa Tomada. Podes consultar a AXENDA TEATRAL do blog para coñecer a programación teatral.

  FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA                        
  · Autoría e dirección: Julio Fernández Peláez
  · Elenco: Eva Alfonso
  · Iluminación: Antón Ferreiro
    E coa colaboración de Zaida Gómez
  · Duración: 1 hora e 8 minutos
  · Ano de creación: 2013

     Julietavirtual xoga con distintos planos de realidade/virtualidad, realidade/parodia, e realidade/simulación, creando un universo escénico onde o emitido en directo confúndese co emitido en diferido e o que pasa en escena co que tamén fóra da sala sucede, vulnerando deste xeito a conciencia ficcional coa que o espectador se dispón a recibir o evento.
     Cun prólogo a modo de documental no que unha muller de avanzada idade fala sobre os dinosauros e con abundantes xogos onde as imaxes abren unha fiestra ao espazo teatral, esta obra articúlase a través de dispositivos simbólicos que apuntan cara a un relato de denuncia do mundo que estamos construíndo.
     O papel branco, que con tanta facilidade se pode rasgar, conforma o chan no que camiña a intérprete, e sobre esta dimensión inverosímil reafirma a súa presenza. Á súa vez, as botellas que recollen o tinte do lavado dun traxe para unha nena -a filla do dramaturgo- confeccionado con recortes de fotografías de mulleres explotadas en fábricas textiles, penden no aire como elementos extraídos dunha dimensión liminal, visibles e invisibles, consumibles e intanxibles.
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.