Ratman e Bobyn na Gala dos María Casares

     Marcos Orsi e Xúlio Abonjo, da compañía BaCaNa, encárganse da dirección, do guión e da interpretación nunha gala “cómic-a”, é dicir cómica e inspirada no cómic, e que seguirá o lema dos heroes: “Cando a realidade é brutal, só nos pode salvar a ficción”. Suso Montero traballa na dirección artística baseada na sinxeleza, o traballo artesanal e no cartón de embalaxe como motivo estético para adecuarse aos “tempos difíciles que vivimos”.
     A gala, que comezará ás 20.00 horas, será retransmitida pola Televisión de Galicia e, este ano, terá presenza en directo no twitter a través do perfil na citada rede social que a Asociación de Actores e Actrices está a poñer en funcionamento para seguir ampliando a súa comunicación a través da rede. O perfil da AAAG en Twitter será @TuitsdaAAAG e, durante a gala, promoverase o hastag #oscasares.
   
     Unha gala irónica, “gamberra” e que mire directamente ás difíciles circunstancias que vivimos, con dous superheroes, Ratman e Bobyn, que emerxen das cloacas para “loitar contra unha forte ameaza” e contra un “gran supervilán”. E todo baixo o seu particular lema heroico: “Cando a realidade é brutal, só nos pode salvar a ficción”. Así será a cerimonia de entrega dos XVII Premios María Casares de Teatro, que se celebrará o próximo mércores 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Hoxe pola mañá, o Concello da Coruña acolleu a presentación da gala destes galardóns que, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), convértense cada ano dende 1997 na gran festa da escena galega.

     Na presentación participaron Ana Fernández, concelleira de Cultura do Concello da Coruña; Manuel Guede, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); os responsables da dirección e do guión da cerimonia, os intérpretes Marcos Orsi e Xúlio Abonjo, da compañía BaCaNa; e o actor Antonio Durán Morris, membro da Xunta directiva da AAAG.

     Precisamente Morris foi o primeiro en lembrar que os galardóns deste ano xorden nun “momento difícil”, pero que grazas ao esforzo e o entusiasmo da compañía BaCaNa e os traballadores da gala, a cerimonia será un gran espectáculo, irónico e, ao seu xeito, “ambientada” na banda deseñada. “BaCana préstanos os seus personaxes. Tendo en conta os tempos de difícil saída para o sector, a ver se estes superheroes poden rescatar a cultura”, explicou Morris, quen concluíu que a gala será “cómic-a”. Con este xogo de palabras, o actor subliñou a especial relación entre o humor e a banda deseñada que se notará ao longo da cerimonia.

Agradecementos: Prensa Premios de Teatro María Casares (Alberto Ramos)
Fotografías: Corsino

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.