Crítica teatral: "Waltz", de Voadora

  • Dirección e escenografía: Marta Pazos
  • Elenco: José Díaz, Marta Pazos e Hugo Torres
  • Música orixinal: Jose Díaz e Hugo Torres
  • Axudante de dirección e coreografías: Uxía P. Vaello
  • Xastra: Cloti Vaello
  • Vestiario: Uxía P. Vaello. Colaboran: Amai Rodríguez, César Lombera e Toca Fedella Toca

       CRÍTICA TEATRAL              
Función 23 de Febreiro de 2013

     O pasado 14 de febreiro Voadora estreou "Waltz", o seu novo espectáculo, na Zona "C" de Santiago de Compostela. Residiu neste espazo durante dúas semanas, o cal garantiu unha programación teatral continua na cidade (algo que hai que aplaudir dada a situación que está a atravesar o teatro galego nestes intres).
WALTZ é un conto que fala de amor e desamor, de namoramentos e rupturas, da vida compartida e da lembranza de amores perdidos. En WALTZ a vida é un salón de baile onde imos cambiando de parella: hainas que che pisan os pés, outras agárrante forte pola cintura, a algunhas súanlle as mans e con outras bailarías por toda a eternidade...
      E é que Voadora sabe como tratar o amor: con humor, con ironía, amosando o patético e o absurdo de cada situación... Como vén sendo habitual nas montaxes da compañía, a música acada un papel esencial na peza. A través da música en directo e dunhas letras escritas con orixinalidade e mestría son capaces de manter en todo momento a atención do público facendo que este se sintan parte do espectáculo.

     Aquí o texto "falado" apenas ten cabida. E ninguén o bota en falta. Os corpos dos actores falan por sí mesmos e as imaxes que eles crean son suficientes para facer xurdir delas unha historia. Eu diría que este é un espectáculo de imaxes e música. Mais cando digo "imaxes" estou a falar de imaxes xustificadas, ben construídas, que responden a un "porqué" e que conducen á creación dunha historia. Imaxes bonitas, dotadas dunha beleza especial e tratadas con moito cariño: a casiña coa árbore, o automóbil e as toallas ao sol...

     Por outra banda, e dende un punto de vista máis técnico, o ritmo que baña o espectáculo é un ritmo constante e vivo (o que require dos actores unha concentración especial). O tempo de cada acción está perfectamente medido e o manexo da parte máis técnica (iluminación, por exemplo) está integrado con naturalidade. Saben aproveitar o espazo e deciden prescindir da distribución do público á italiana. O único "pero" que eu lle poría a esta peza son os primeiros cinco/dez minutos onde se desenrola unha acción ben bonita que quizais gañaría máis si se acortara un chisco no tempo. 

     O outro punto clave do espectáculo é a música. Nalgunhas ocasións envolve esas imaxes das que falaba con anterioridade e en moitas delas crea a propia historia. Todas as intervencións musicais funcionan á perfección e perfecta é tamén a súa execución. En moitas ocasións, cando estamos vendo espectáculos teatrais nos que se intercalan números musicais botamos en falta un tratamento máis harmónico á hora de executar ou insertar esas intervencións musicais. Aquí acontece todo o contrario: o público en ningún momento ve forzada unha determinada intervención musical, quizais porque realmente esas intervencións levan tras de sí unha historia.
     
     O elenco non pode ser mellor: Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Diaz enténdense moi ben entre eles e iso faise notar. O vestiario e a escenografía achegan beleza, orixinalidade e colorido á escena. Todos e cada un dos elementos foron traballados con unha sensibilidade especial.


Waltz, de Voadora
© Carla Capeáns Pardo, 2013

0 comentarios:

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.