Crítica teatral: "Sánatos", de Paso de Valverde Teatro

A vida doe demasiado, non hai por onde fuxirlle. O pasado volta para mostrarnos como de felices fomos e como de enganados estabamos. Aqueles riseiros aloumiños son hoxe lastro que afunde sen pausa, e o amor truncou en obriga maldita. Haberá lugar para o descanso? Cando nos equivocamos?
Paso de Valverde


      FICHA TÉCNICA                  
· Dirección: Paulo Serantes
· Axudante de dirección: Xabier Ramilo
· Produción: Paso de Valverde
· Perruquería: Manuel de Eva
· Elenco: María Miranda, Manuel de Eva e Belén Mariño

      CRÍTICA TEATRAL                        
Función 11 de Decembro de 2012

     A Asociación Teatral Paso de Valverde foi creada en Arteixo aló polo ano 2006 da man de Paulo Serantes, Xavier Ramilo e Antuán Iglesias como “un grupo de traballo, un espazo de investigación e busca do feito teatral baseado na proxección do corpo e da voz no espazo escénico”. Deste xeito, a Asociación Teatral Paso de Valverde ofrece un curso anual de formación teatral para actores no que se traballa a presenza física e vocal do actor, a relación entre o corpo e a voz, o espazo escénico, o xesto e o movemento así como tamén a acrobacia, a máscara e a improvisación.

     “Adeus Kantor”, “Un día no circo”, ou “Drammatico” son algúns dos traballos que a Asociación Teatral Paso de Valverde puxo en escena en calidade de compañía de teatro afeccionado. O seu último espectáculo, “Sánatos”, foi presentado no XI Festival Agustín Magán organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado e que tivo lugar en Santiago de Compostela entre os días 6 e 11 de decembro.

    “Sánatos” é unha viaxe continua entre o presente e o pasado. Lembranzas que espertan en nós un sorriso, recordos fuxidíos, recordos enfrontados a unha realidade. En escena tan só tres personaxes, unha cadeira e unha desas “camareiras” con rodas que tiñan as nosas avoas. E mais nada… 

   Pártese dunha simplicidade escénica absoluta que funciona á perfección. Esa simplicidade fai que o realmente importante sexan as personaxes e a historia que cada unha delas leva tras de si. O texto apoia e fía a trama pero tan só o fai cando é necesario e sempre dun xeito sutil, sen ser demasiado explicativo e redundante porque o que importa en “Sánatos” non é a palabra. O traballo de María Miranda, Manuel de Eva e Belén Mariño é excepcional. Carecen de apoio textual mais rebuscan dentro do seu corpo para atopar a sensibilidade e ao mesmo tempo a dureza que nace da propia historia.

     A iluminación é simple pero moi eficaz pois apoia os momentos clave da historia sen entrar en excentricidades. Así mesmo, o espazo sonoro, en consonancia con toda esa simplicidade que baña o espectáculo, envolve cada unha das imaxes e potencia a súa fermosura.

En definitiva, “Sánatos” é un pequeno GRAN espectáculo.

Sánatos, da Asociación Teatral Paso de Valverde
© Carla Capeáns Pardo, 2012

0 comentarios:

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.