CDG: O profesional, de Dusan Kovacevic

     O día 3 de Setembro o CDG comezou os ensaios do espectáculo "O profesional" (de Dusan Kovacevic) , con Manuel Guede Oliva como director, que ademáis de encabezar o equipo de xestión do Centro Dramático Galego asume tamén a dirección teatral do espectáculo. Estrearase o día 5 de Outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

       FICHA ARTÍSTICA         
·  Miguel Pernas
· Ernesto Chao
· Rodrigo Roel
· Rebeca Montero

       FICHA TÉCNICA             
· Autoría: Dusan Kovacevic
· Dirección: Manuel Guede Oliva
· Escenografía: Arq. José Carvalho Araújo
· Vestiario: Adolfo Domínguez
· Deseño de luz: Fred Rompante
· Creación de vídeo: Hugo Carvalho Araújo
· Espazo sonoro: Manuel Guede e Pedro Pinto
· Produción: Centro Dramático Galego (CDG) e Companhia de Teatro de Braga (CTB)


     SOBRE O DIRECTOR        
guede-cdg-oprofesional-teatro    Manuel Guede Oliva estivo estritamente vinculado á escena galega durante toda a súa vida. Foi director do Centro Dramático Galego dende 1991 a 2005. Autor, tradutor e director de producións de gran calidade e de moito éxito dentro e fóra do noso país. Entre outros moitos recoñecementos, Manuel Guede gañou en 2006 o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais convocado pola Xunta de Galicia pola súa obra Ocaso Otero. Asemade, en 2011 recibiu o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña co texto A función do tequila.

       SINOPSE                           
     A historia ten lugar en Belgrado, en 1990. Hai xa dez anos que o presidente Tito morreu. Neste mesmo ano o Partido Comunista renuncia ao seu monopolio de goberno. A época é confusa. As loitas polo poder inician un camiño de sangue, pero o peor, a guerra dos Balcáns, aínda está por chegar. Neste contexto, Kovacevic crea unha fábula ácida e grotesca: no caos dunha editorial en bancarrota, sobre un fondo de festa e música, a vella xeración combate contra a nova; fóra, todo ensombrece sen remedio.
     O profesional é a historia dun encontro entre un ex activista político acomodado hoxe entre as redes do poder e o policía que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Os que nunha época foron vítima e verdugo, perseguido e perseguidor, ven agora como os seus papeis se inverten, se desdebuxan e se confunden.

      SOBRE A OBRA              
     A versión escénica de O profesional permaneceu na carteleira do Teatro Zvezdara de Belgrado (do que Kovacevic é tamén director) case sen interrupcións desde a súa estrea en 1990 ata 2002, ao falecer o seu actor principal, Stojkovic. Coincidindo coa posta en escena diante dun público multitudinario da función número cen, a obra traduciuse ao inglés e fíxose unha lectura dramatizada nun teatro de Berkeley, California, onde, unha vez máis, recibiu unha resposta entusiasta. Adquiriu máis sona e, en 1992, O profesional escenifícase no North Beache Repertory Theatre de San Francisco e, uns meses máis tarde vaise representar en Londres, no pequeno teatro Offstage Downstairs. En 1994, a obra vai ser adaptaba á televisión polo escritor e dramaturgo alemán Ulrich Plenzdorf, quen a vai adaptar no contexto da Stasi (a policía secreta da antiga República Democrática Alemana), aspecto que encaixaba coma un guante. Andreas Dresen vai dirixir esta versión adaptada baixo o título A outra vida de Herr Kreins. En 1995, O profesional estrease no Circle Theatre de Manhatan, unha sala do circuíto alternativo de Broadway e desde entón non para de ser presentada en diversos teatros ao longo do mundo.

AGRADECEMENTOS: Centro Dramático Galego
O profesional, de Dusan Kovacevic
teatrogalego.com



0 comentarios:

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.