A Sala Nasa, Premio de Honra Marisa Soto 2012

 
          A Sala Nasa é o novo Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).  A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu conceder o galardón á Sala Nasa por: “Ser unha sala alternativa independente de referencia en Galicia e no estado español; converterse nunha Sala de exhibición imprescindible na vida teatral e cultural de Santiago de Compostela; provocar unha xeración de profesionais da escena que se criaron e medraron a carón da Sala, converténdoa nunha auténtica `escola de rúa’; e por ser un proxecto diferenciado e innovador, sempre á procura dunha linguaxe propia e dunha particular maneira de achegar as artes escénicas á cidadanía”. Vinculada dende os seus inicios ao Chévere, a Nasa tivo as súas portas abertas no barrio compostelán de San Lourenzo dende 1992 ata o verán do 2011.


     Xesús Ron, “voceiro da comandancia da Nasa”, apunta que este galardón “é un epitafio inesperado que nós non soubemos escribir. Valorámolo moito por chegar dunha asociación profesional e do teatro. A Nasa tivo o seu momento e é unha aventura cun final, e este premio non o podemos tomar como algo persoal senón que é algo a compartir con toda a xente que traballou e se arriscou en distintas tarefas e momentos nela e, especialmente, coa súa tripulación, eses espectadores cuxa implicación e existencia explica que foi a Nasa”. Apunta Ron que “o bo da Nasa foi o seu papel coma esforzo colectivo aínda que podemos destacar a dúas persoas que a marcaron nos seus inicios: Pepe Sendón e Fran Pérez, malia que logo se desvinculara”. Por último “a nivel moito máis persoal, e pasados uns meses, serve para botarlle un terrón de azucre que compensa ese regusto a café amargo que foi o seu final”

     O Premio de Honra Marisa Soto naceu no 1997 como galardón que distinguise a especial traxectoria de persoeiros ou entidades no marco dos Premios de Teatro María Casares. A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o vindeiro 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e será retransmitida pola TVG. Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Concello de Ames e TVG.

     A Sala Nasa súmase no 2012 á listaxe de persoeiros e entidades que, dende 1997, mereceron un Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

GALARDOADOS CO PREMIO DE HONRA MARISA SOTO DA AAAG
· 1997 - Agustín Magán
· 1998 - Manuel Lourenzo
· 1999 - Maruxa Villanueva
· 2000 - Manuel Gallart
· 2001 - Asociación Cultura Abrente
· 2002 - Fundación Teatro Principal de Tui
· 2003 - Celebración dos 25 anos de teatro profesional
· 2004 - Padroado da Cultura do Concello de Narón
· 2005 - Luís Álvarez Pousa
· 2006 - Dorotea Bárcena
· 2007 - Concha Abad
· 2008 - Rubén García
· 2009 - Ana Romaní
· 2010 - Gonzalo Uriarte
· 2011 - Xan Cejudo
· 2012 - Sala Nasa

Agradecementos: Comunicación Premios María Casares da AAAG
Fotografías: Compostela Virtual - Blog Estrella Galicia - Ultranoite (cedida por AAAG)

1 comentario:

  1. Parabens a Sala Nasa!!!
    no 1998 foi Manuel Lourenzo, unha honra que sexa o meu profe!!

    ResponderEliminar

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.