Obras Públicas e a Gala dos María Casares 2012

     A gala dos María Casares 2012, maxinada pola compañía Obras Públicas será, de seguro, “sorprendente, divertida e moi áxil”, segundo avanzou Jose Luis Prieto. 

     · Sobre as ruínas do gran teatro de Galicia:  A escenografía, atrezzo e vestiario utilizáronse previamente noutros espectáculos e espazos escénicos, dando lugar a unha posta en escena "ruinosa".  Unha estética de teatro abandonado pero imaxinativa é a aposta plástica na que se enmarcará a gala.

     Apunta Suso Montero, director artístico da cita, que “haberá moitas sorpresas pero podemos adiantar que quitarémoslles o po a telóns antigos, do Teatro Jofre de Ferrol ou do Centro Dramático Galego, algúns levan enrolados 10, 15 ou 20 anos; e amosaremos as entrañas dos teatros, o que normalmente non se ve”.

     · Humor: Cinco intervencións teatrais cheas de humor,  de cinco minutos cada unha a cargo de dous actores e unha actriz,  máis unha canción final  con tres artistas máis convidados, constitúen a parte artística intercalada entre os bloques de premios. As dúas partes (números artísticos e bloques de premios) avanzarán unidas por enlaces musicais efectuados por unha banda de tres músicos, para dar fluidez e continuidade á gala.

     · Homenaxe ao teatro e @s teatreir@s: As intervencións artísticas, a cargo da compañía Obras Públicas, estarán centradas nun universo puramente teatral, dende unha revisión humorística de Romeo e Xulieta, ata unha pelexa de espadas, pasando  polo discurso da raíña de Galicia, unha tertulia sobre temas de actualidade e a historia do teatro universal contada en cinco minutos. (Posible record do mundo).

     O elenco da gala fórmano César Goldi, Carlos Mosquera "Mos" e Iolanda Muiños; con Fernando Dacosta, Patricia Vázquez e Susana Dans como artistas convidados. O director musical é Ramón Orencio e os músicos, Ramón Orencio, Checho Mosquera e Fran Facal. A dirección artística corresponde a Suso Montero. O rexedor e axudante de dirección é Afonso Castro; e a dirección é de Jose Prieto. A produción executiva dos Premios María Casares é de Marta Horjales.


Agradecementos: Comunicación Asociación de Actores e Actrices de Galicia

0 comentarios:

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.