Comentario: "Carta urxente para Máximo Toxo" de Talía Teatro

  • Autoría e Dirección: Diego Rey
  • Elenco: Marta Ríos e Dani Trillo
  • Compañía: Talía Teatro
  • Tipo de espectáculo: Teatro infantil

     CRÍTICA TEATRAL          
Función 6 de febreiro de 2010

     "Carta urxente para Máximo Toxo" é un dos espectáculos infantís que Talía Teatro estreou no mes de decembro e que está a xirar polos teatros de toda Galicia. Un espectáculo dirixido por Diego Rey e interpretado por Dani Trillo e a recente galardoada nos María Casares, Marta Ríos.

     O texto, do que é autor Diego Rey, é directo, simple, e cunha estructura clara que lles facilita aos máis pequenos a comprensión da historia. E cando digo simple refírome á idea máis primaria, aquela que o autor ou director dun espectáculo teatral debe ter ben arraigada e meditada para poder poñer en marcha o proxecto. Non fan falta historias enredosas e enredadas con multitude de personaxes. Moitas veces, nos espectáculos infantís, esa multitude de personaxes e o enredo da historia non é válida se non se sabe tratar correctamente. Neste espectáculo, todos, tanto director-autor como actores, tiñan claro o punto de partida e o punto ao que se quería chegar.

     Dous personaxes en escea: Belinda (Marta Ríos) e Máximo Toxo (Dani Trillo). O personaxe de Belinda leva a cor, a luminosidade mentras que Máximo Toxo representa a escuridade, o aillamento. Son conceptos amplos e moi subxetivos que os actores trasladaron á composición corporal de cada un dos seus personaxes. Así, o corpo de Belinda era saltarín, alegre, con movementos redondeados e continuos, mentras que o corpo de Máximo Toxo era anguloso, estirado, con brusquidade nos seus movementos.

     A escenografía, sinxela e moi funcional, xogaba coa cor e coas formas, ao mesmo que o vestiario e a maquillaxe. En conclusión: Un espectáculo redondo. A historia, e a forma de contala e trasladala a escea, son sinxelas pero exprimidas e explotadas ata o máximo en todos os aspectos. Moitas veces conseguir a apariencia de sinxeleza leva consigo un gran traballo e esforzo e non todos o conseguen.

Carta urxente para Máximo Toxo, de Talía Teatro
© Carla Capeáns Pardo, 2010

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.