Novidades no Catálogo de Actores e Actrices de Galicia


 Onte, buceando polo Catálogo de Actores e Actrices de Galicia  atopeime cunha grata sorpresa (que levaba tempo esperando). Incorporouse ao catálogo a actriz Amparo Malo.

Gárdolle un gran cariño a Amparo... coñecina nun taller teatral impartido por Artur Trillo e xa apuntaba maneiras. Logo de vela en "Unha primavera para Aldara" (de Teatro do Atlántico) non tiña dúbidas de que ía chegar lonxe. Moitos éxitos Amparo!!!!




http://www.teatrogalego.com/

Espectáculos de Talía Teatro: "O Volpone" e "Pelos na lingua"

Talía Teatro poñerá en escea  dous novos espectáculos: "O Volpone" de Ben Jonson con adaptación de Roberto Salgueiro e "Pelos na lingua", a que se pode denominar como a segunda parte ou actualización da exitosa peza "Bicos con lingua".

O Volpone de Ben Jonson
Adaptación de Roberto Salgueiro

· Dirección: Roberto Salgueiro
· Elenco: Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto.

Unha divertida comedia que retrata satíricamente a nobres e non tan nobres señores, que teñen como principal interés reunir fortunas sen importar o rídiculo que teñan que facer nen o custo que outros teñan que pagar.

Crítica teatral: Peza para dous actores, de NNC Teatro


Peza para dous actores
NNC Teatro
Dirección: Bea Méndez

Elenco:
Paula Díaz como Lucía
Roi Méndez como Antón



Crítica teatral
Carla Capeáns (unha principiante)



   Eu quería atopar estreliñas e pedir un desexo. Preguntei polas rúas de Compostela onde podía atopar as estrelas de mellor calidade. Pero entre tanto turista non daba con ninguén experto na materia. Ata que alguén con voz de vello me dixo: "Seica aniñaron naquel teatro unhas estreliñas ben bonitas".
   E alá fun... Sentei coma sempre na butaca indicada naquel anaquiño de papel con tinturas brancas e azuis. Apágase o lucerío da cidade e velaí o espectáculo. Tan só dous personaxes en escea. Cores amarelas pendurando dun ceo que anoitece. Lembroume aos libros de cando era meniña...aqueles contos nos que os personaxes se encartaban e desencartaban. Foi como volver á miña infancia. Era eu a que buscaba estrelas dende a ventá da miña avoa, era eu a que durmía encaracolada no chan mentras esperaba a miña mamá. É iso, máis nada...para qué buscarlle un sentido ou un porqué?
  
   Era un xogo de nenos ou de adultos? Os nenos saben xogar ó xadrez? Os adultos saben xogar ás mentiras? Dous mundos ben distintos e á vez tan ben conectados. Souberon interiorizar dentro dos seus personaxes esas dúas metades facendo que o público esquecera esas preocupacións de adultos para lembrar a súa vida antes de nacer. Ou simplemente para lembrar o que vira 5 minutos antes pero agora dende a perspectiva do absurdo.
   Non teño ningunha puntualización negativa: Non era eu quen miraba para o escenario, era o meu sorriso "777 tallas máis grande que a miña faciana" o que non quería perder detalle. O tempo movíase ao son da lúa: moito, pouco...nada. Ata que de súpeto pasaba una desas estrelas fugaces que tanto lle gustan ao Antón e velaí a alegría e a enerxía dun patio de colexio (no bo sentido do símil). Son os cambios de tempo que tan ben se adaptan ao contido de cada escea os que invita unhas veces a cavilar e outras, a xogar.
   Os actores buscaban ese contacto co público, querían mostrarlle o seu niño a aqueles que os observaban dende o alto daquela árbore. Déronme ganas de subir polas escaleiriñas e xogar ás súas mentiras, abrir o baúl e destapar un novo mundo.
En resumo, moi boa dirección e moi boa interpretación a dos actores. Todo encaixaba dentro dese quebracabezas, non faltaba nin sobraba ningunha peza.

   Os personaxes camiñaban descalzos sobre un chan branco e negro. O son dos seus pasos ao pisar ese chan lembraban algo cotiá... como cando corremos descalzos polo corredor ata meternos debaixo da ducha para non coller frío.
   Os dous sentados, abrigándose dunha chuvieira que nunca cae coma dous nenos esperando a que pase o bus camiño da escola. Ou o cabaliño de madeira, ou os sombreiros, ou a lúa irregular, ou a música... Crearon un ambiente cotiá, pracenteiro, apacible... como cando fai frío e tapas os teus hombros cunha manta pensando... que ben se está aquí dentro á caloriña!








© Carla Capeáns Pardo, 2012

Crítica teatral: "Folia en Semasei", o musical do IES de Ames

Folia en Semasei
do IES de AMES
Dirección: Susa Lopo, Quico Bouzas e Paz Peñas

Carla Capeáns (unha principiante)

      Alí, nun recunchiño atopei unha cadeira libre. Sentei e neses 2 minutos de espera lembreime vestida con aquela saia escura e caracterizada dunha tal Bernarda Alba. Ábrese o telón (lembro que hai cinco ou seis anos tiveramos que empezar a telón aberto porque non funcionaba...recordos que se lle quedan a unha).
E velaí a ilusión. En cada nota do acordeón, do violín, en cada personaxe había ilusión. Iso é o que busca o público: busca a complicidade co personaxe, busca a ilusión do actor. Si o que está enriba desas táboas de madeira disfruta de cada movemento, de cada palabra do seu personaxe o público contaxiarase desa menciña chamada Ilusión.

Non son moi boa coas Matemáticas, por iso inventei a miña propia fórmula:


Ilusión + Esforzo= Bo Traballo
Ilusión + Esforzo + Compromiso = Moi Bo Traballo = IES de AMES



Falemos agora dende o punto de vista técnico. Non sei exactamente o número de actores e actrices, só sei que eran un elenco moi numeroso pero empregaban moi ben o espacio escénico. En ningún momento se tropezaban uns cos outros a pesar do rápido que acontecía todo. Non podía nin pestanexar por medo a perderme algo. A peza ía a moi bo ritmo e para os actores estou segura de que requeriu dunha gran concentración. Moitas entradas e saídas, cambios de vestiario que ademáis piden dunha boa organización.

Supoño que xa saberedes a obsesión que teño cos cambios de escenografía en escea... E desta vez direi que moitos deberían aprender destes rapaces: cambios de escenografía visibles para o público pero agradables porque había unha sintonía. Non había unha ruptura nin de personaxes nin de actitudes. Simplemente con seguir o ritmo da música facían de algo técnico e mecánico unha imaxe teatral ben bonita. Hai moito traballo de grupo, moito esforzo, moitas horas de ensaio. E cando se traballa iso tamén o nota o espectador.
Pero sen dúbida, si teño algo que resaltar será aquela escea na que dunhas telas de cores nace un grandioso barco, con altas chemineas E non só polo impacto da imaxe, senón pola trascendencia que ten na peza a chegada dese navío.

E direi unha cousiña: moi orgullosa estou de ter descubrido o pracer do teatro no IES de Ames.

© Carla Capeáns Pardo, 2012

Hoxe, Sábado día 5, Musical "Folia en Semasei", do IES de AMES

CRÍTICA TEATRAL de "Folia en Semasei" [clic aquí]

Sempre gusta lembrar tempos pasados. Hoxe será unha noite na que lembrarei eses anos nos que comezaba a descubir o mundo do teatro. Foi no IES de Ames, nun deses anos de adolescencia cando alguén nos subiu pola escaleiriñas dun Salón de Actos para pór en escea o primeiro lance de "Os vellos non deben de namorarse".


O IES de Ames poñerá hoxe en escea unha creación propia: O musical "Folia en Semasei". Conta con un elenco moi numeroso e de diversas idades, así como tamén con músicos en directo. Un musical dirixido por Susa Lopo, Quico Bouzas e Paz Peñas que deseguro nos deixará a todos coa boca ben aberta.



Eu estarei aló, ben atenta a todo o que aconteza enriba do escenario.


Musical "Folia en Semasei" do IES de AMES
Casa da Cultura de Milladoiro
Hoxe ás 21:00h

PD: Foime imposible recolectar os nomes do alumnos que actúan no musical.


CRÍTICA TEATRAL deste ESPECTÁCULO en:
http://carlacapeans.blogspot.com/2010/06/viaxe-semasei-o-musical-do-ies-de-ames.html

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.