Crítica Teatral: "Life is a paripé" de Obras Públicas

life is a paripe teatro galego obras publicas
Imaxe de http://lifeisaparipe.blogspot.com/

Life is a paripé
Obras Públicas


Elenco:
César Goldi
Iolanda Muiños
Mos


Dirección: Jose Prieto




Crítica Teatral
Carla Capeáns (unha principiante)


A vida é un paripé. PA-RI-PÉ, que ben soa! Parece unha desas palabras que o bebé balbucea no berce. E certo é que xa dende o berce aprendemos e aplicamos correctamente a definición deste substantivo (que ben podería proceder dunha mala traducción do francés).
"Life is a paripé" é iso: paripé. O núcleo, o nexo do espectáculo é o paripé, a simulación. É algo que sobrevoa o escenario e que pronto contaxiou ao patio de butacas. Ás veces non é fácil manter ese nexo cando o espectáculo diverxe da historia convencional (introducción-nó-desenlace) e é entón cando o espectador perde o interese ou simplemente cansa ao tentar buscar un algo que o una todo. Un espectáculo diferente que de primeiras sorprende. Durante os dous primeiros minutos tiña a sensación de non intuir cal ía ser o seu plantexamento, cal era a idea do director. E iso é realmente positivo.

life is a paripe teatro galego obras publicas
Imaxe de http://lifeisaparipe.blogspot.com/

Como diferenciar o mundo do paripé do mundo da non-esaxeración? A disposición dos personaxes respiraba farsa, esaxeración, movementos repetitivos e marcados.
Os actores -en escea- participaban e actuaban  como espectadores cando non levaban a carga interpretativa, ese era o mundo da "non-esaxeración".

En moitas ocasións, introducir momentos musicais entorpece (ou empeora) o conxunto teatral. Cando se introducen imaxes, elementos ou mesmo determinadas marcas sempre hai que atender a un porqué. Cando se fai porque sí, porque quedan bonitas ou porque fan gracia córrese o risco de que produzan o efecto contrario no espectador porque non entran nese conxunto. Non é unha tarefa fácil, é certo, pero neste caso a música sí formaba parte dese conxunto. Non eran momentos aillados dentro do espectáculo senon que nalgúns intres era a propia dinámica do espectáculo a que pedía desas músicas adaptadas con atino. Gustaríame ver de novo a peza nun escenario distinto ao dun teatro, quizais de dimensións máis reducidas.

E agora si mo permitides, guataríame falarvos un chisco de Iolanda Muiños. O audiovisual en moitas ocasións coarta a liberdade do actor á hora de construir un personaxe e transmitir ese traballo aos espectadores. Por iso para saber cómo traballa realmente un actor cómpre velo sobre as táboas dun escenario. Iolanda Muiños é unhas das poucas actrices que me agrada, conxuntamente, no audiovisual e no teatro. Gustei moito do seu traballo na "Piragua" do CDG [Dirección de Cándido Pazó] especialmente nas  esceas de Commedia dell'arte coordinadas por Avelino González e dende agora gustarei tamén de oíla cantar.
 
© Carla Capeáns Pardo, 2012

0 comentarios:

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.