Crítica teatral: "Cásting (a comedia)" de Lagarta lagarta


casting teatro galego ernesto chao maria bouzas
Imaxe de http://lagartalagarta.blogspot.com
Cásting (a comedia)
de Lagarta lagarta
Autoría: Roger Justafré


Elenco:
María Bouzas
Ernesto Chao
Belén Constenla
Rocío González
Alberto Rolán


Dirección: Rosa Álvarez
Adaptación e tradución: Roberto Salgueiro


Crítica teatral
Carla Capeáns (unha principiante)

    "CÁSTING: proba que se lles fai aos actores e modelos para seleccionalos para un traballo". Probas de texto, improvisacións, movementos coreografiados, obstáculos e moito spray para aclarar a voz. Ese é o camiño que percorren os personaxes de Cásting. O seu camiño, o de todos os actores e o de calquer espectador.
    Con esta peza, a compañía Lagarta lagarta dou un xiro notable na súa temática habitual.  "O Segredo dos Hoffman", ao igual que "Aeroplanos", ou incluso "As últimas lúas" bebían dun drama con algunha que outra cullerada de comedia agochada (menos apreciable n'As últimas lúas). Con "Fobias" (o primeiro espectáculo que vin de Lagarta lagarta e do primeiro que podo opinar) e "Carambola (cóncavo convexo)" a compañía experimentou o xénero da comedia negra, pero co seu último espectáculo Lagarta lagarta opta por investigar nunha comedia con tinturas farsescas.

casting teatro galego ernesto chao maria bouzas
Imaxe de http://www.centrodramatico.org/
    A historia de dous actores que desexan esquecer o "xa te chamaremos" para ser os protagonistas dun texto clásico é tan só un pretexto para falar de desenganos, de mentiras, de ilusións e de amoríos rebeldes. A execución da peza depende en boa parte dos efectos lumínicos, dos textos de led (a modo de entremés e en ocasións excesivos na miña opinión) e de proxecións sonoras. Éstas últimas teñen un papel moi importante na continuidade do espectáculo pois dalgún xeito crean unha terceira dimensión que sobrepasa o propio patio de butacas e xenera no espectador unha falsa ilusión sobre quen será aquel que dirixe ao actores dende alá enriba. Por momentos o texto dalgunha das proxeccións perdíase na inmensidade da sala e facíase complicado captar o que transmitían esas voces en off, producto quizais da  mala acústica do teatro ou simplemente por problemas técnicos.
    A escenografía tamén ten un papel importante na consecución do espectáculo. En especial, a presencia dunhas escaleiras metálicas sitas no centro do escenario (perfectamente iluminadas) creo que lle dou aos actores moito xogo por exemplo á hora de preguntarse sobre cómo debe baixar as escaleiras unha personaxe que se dirixe a unha proba ou polo contrario, cómo debe subilas cando esa mesma personaxe vén de realizar esa mesma proba sen esperanzas dunha futura chamada telefónica. Cousas sinxelas que enriquecen a interpretación e o conxunto da peza.
casting teatro galego ernesto chao maria bouzas
Imaxe de http://www.centrodramatico.org

    A peza comezou a telón aberto, cos actores sentados en cadeiras e de costas ao público. A xente asentábase na súa butaca mentras as personaxes ían xogando coa música de fondo. Entrar no teatro e atoparse de súpeto cos actores é algo que normalmente o espectador non agarda e dalgún xeito atrae a espectación dese público que no canto de falar ou comentar a viva voz o que fixeron esa tarde, atende xa desde un principio ao que acontece sobre as táboas dese escenario.
   
    Esas cadeiras que ao principio do espectáculo se situaban preto do proscenio, unha vez iniciada a peza pasaron a formar parte da escenografía pero situadas na parte traseira do escenario. Despois das escaleiras metálicas, esas cadeiras onde as personaxes esperaban ou contemplaban o que acontecía eran outro dos puntos importantes na peza. Os actores estaban en escea en todo momento, observando tal e como o faría un espectador máis pero dende unha posición privilexiada. É nestos casos onde se "corre o risco" de que alguén dó público bote unha ollada indiscreta ao que acontece nesa outra dimensión por iso creo que é moi importante a concentración para non saír da personaxe e actuar como o faría esa personaxe. 
    E algo parecido ocorre nas entradas e saídas de escea. En xeral, as personaxes mantían un "rictus" característico propio (como por exemplo Ernesto Chao na personaxe de Andrés ou María Bouzas) e creo que noutros casos  esa coherencia que se debe manter nos cambios de escena, se perdía por momentos. Un exemplo, pode ser a personaxe de Carlos que parecía atopar dificultades á hora de poñer e sacar as gafas cada vez que entraba ou saía de escena, aínda que observando outra posibilidades podía tratarse dunha característica propia da personaxe.

casting teatro galego ernesto chao maria bouzas   En xeral as personaxes mantían un nexo común que era ese punto de comedia unida á farsa ainda que menos notable nas personaxes de Andrés (Ernesto Chao) e de Carlos (Alberto Rolán). María Bouzas, coa súa personaxe Actriz, estivo perfecta en todo momento. Controlaba todo o que acontecía en escena, respondía con coherencia respecto dos demáis aínda que non levara ela o peso da acción. Pequenos detalles que enriquecían a personaxe e que lle permitían experimentar no campo da improvisación. Noutro punto atopábase a personaxe de Eva. Mantiña ese nexo común a todos as personaxes pero en deteminados momentos daba una sensación de descontrol e incluso incoherencia. Incoherencia, por exemplo, cando Eva (Rocío González) tentaba baixar a súa minisaia cando a aparentemente éla era todo pasión, desenfreno e sensualidade.
   En deteminados momentos facíase longa pero logo volvía a coller ritmo. Un texto adaptado con perfección á realidade e actualidade galega con culleradas dese humor que tanto caracteriza os traballos de Roberto Salgueiro. Unha peza para rir e coñecer o mundo dos actores dende o teatro.

© Carla Capeáns Pardo, 2012

0 comentarios:

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.