Crítica teatral: "Shakespeare para ignorantes" de Mofa e Befa

Shakespeare para ignorantes
Mofa e Befa

Elenco:
Quico Cadaval
Víctor Mosqueira
Evaristo Calvo/Marcos Orsi

Dirección: Quico Cadaval




Crítica teatral
Carla Capeáns (unha principiante)

    Poñamos que falamos de Ribadavia (que non Ribadeo). Alguén me dixo: “Sabes quen está esta noite na MIT de Ribadavia? Mofa e Befa”. Ao que contestei: “Con Shakespeare para ignorantes?”. Esa foi a conversa. Unha hora e media máis tarde estabamos paseando polas rúas de Ribadavia. A peza tivo como escenario o Castelo reconstruido a modo de anfiteatro da zona antiga de Ribadavia. A cousa pintaba ben: Mofa e Befa con Quico Cadaval e un escenario atípico. Imos ver qué nos contan…

     A disposición do público con respecto ao escenario puido non ser a máis axeitada. Cando os do lateral esquerdo oían pero non vían, os do lateral dereito vían unha fermosa e robusta columna de material descoñecido que parecía soportar o sinxelo e efectivo plano de luces. Eu estaba nun deses laterais e de cando en vez aquela columna de material descoñecido aparecía en escea. Quizais é unha personaxe, ou unha expontánea –pensei-.




    Baixou as escaleiras Quico Cadaval. “Este escenario vai dar moito de sí" –dixen para min-. E así foi. Non estabamos nunha sala convencional, estabamos ante unha disposición escénica que lle permite ao actor liberarse dos límites que sempre impón a formalidade dun teatro. E é neses intres, nos que o actor é libre, cando deixa ao descuberto a súa experiencia. E non me refiro aquí ao número de representacións que o actor leva inscritas no seu DNI teatral senón á capacidade de saber o que lle ocorre ao espectador e ser capaz de trocar a dramaturxia e os movementos marcados polo director para adaptalos ao público. Quico Cadaval escoitou ao público e soubo adaptarse ás posibilidades ou nalgúns casos obstáculos que lle brindaba aquel escenario atípico.




  Desta vez a Víctor Mosqueira acompañábao en escea Marcos Orsi en sustitución de Evaristo Calvo. Víctor Mosqueira traballa o corpo en cada personaxe dun xeito especial. Sempre e cando llo permite o propio personaxe tenta maquillalo con tinturas farsescas e iso fai que cada personaxe que el interpreta, estea cheo de matices. A Marcos Orsi é a segunda vez que o vexo sobre as táboas dun teatro e pode que o seu personaxe me recordara nalgúns aspectos do traballo corporal ao Malvolio de “Noite de Reis ou o que queirades” (CDG) pero foi máis que suficiente para unha sustitución tendo en conta que a súa personaxe neste espectáculo non tivo tempo a evolucionar.




    Unha escenografía simple e suficiente para adornar a conferencia do profesor Cadaval. Facer teatro non require de grandes torres de cartón-pedra nin de vestidos de seda… tan só unha mesa coa súa cadeira, un baúl e unha tela vermella, máis nada. Xogábase coa escenografía e iso dáballe ritmo á peza. E gracias a ese escenario atípico puiden ver o que acontecía “entre patas”. En todo momento os actores seguían na pel dos seus personaxes. Que precisaban beber auga para aclarar a voz? Eles bebían tal e como o faría o seu personaxe. Un sobreesforzo que non todos están dispostos a pagar.

© Carla Capeáns Pardo, 2012

1 comentario:

  1. vaia pasada de blog non?? por certo son marcos codesal. eu tamén teño algún que outro blog pero agora non os uso... nin escribo nada reseñable. solo o que me ten pedido o corpo. espero que che vaia todo ben co teatro. un bico!

    PD: en serio que está moi ben montado o blog. moi chulo!

    ResponderEliminar

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.