Crítica teatral: "Folia en Semasei", o musical do IES de Ames

Folia en Semasei
do IES de AMES
Dirección: Susa Lopo, Quico Bouzas e Paz Peñas

Carla Capeáns (unha principiante)

      Alí, nun recunchiño atopei unha cadeira libre. Sentei e neses 2 minutos de espera lembreime vestida con aquela saia escura e caracterizada dunha tal Bernarda Alba. Ábrese o telón (lembro que hai cinco ou seis anos tiveramos que empezar a telón aberto porque non funcionaba...recordos que se lle quedan a unha).
E velaí a ilusión. En cada nota do acordeón, do violín, en cada personaxe había ilusión. Iso é o que busca o público: busca a complicidade co personaxe, busca a ilusión do actor. Si o que está enriba desas táboas de madeira disfruta de cada movemento, de cada palabra do seu personaxe o público contaxiarase desa menciña chamada Ilusión.

Non son moi boa coas Matemáticas, por iso inventei a miña propia fórmula:


Ilusión + Esforzo= Bo Traballo
Ilusión + Esforzo + Compromiso = Moi Bo Traballo = IES de AMES



Falemos agora dende o punto de vista técnico. Non sei exactamente o número de actores e actrices, só sei que eran un elenco moi numeroso pero empregaban moi ben o espacio escénico. En ningún momento se tropezaban uns cos outros a pesar do rápido que acontecía todo. Non podía nin pestanexar por medo a perderme algo. A peza ía a moi bo ritmo e para os actores estou segura de que requeriu dunha gran concentración. Moitas entradas e saídas, cambios de vestiario que ademáis piden dunha boa organización.

Supoño que xa saberedes a obsesión que teño cos cambios de escenografía en escea... E desta vez direi que moitos deberían aprender destes rapaces: cambios de escenografía visibles para o público pero agradables porque había unha sintonía. Non había unha ruptura nin de personaxes nin de actitudes. Simplemente con seguir o ritmo da música facían de algo técnico e mecánico unha imaxe teatral ben bonita. Hai moito traballo de grupo, moito esforzo, moitas horas de ensaio. E cando se traballa iso tamén o nota o espectador.
Pero sen dúbida, si teño algo que resaltar será aquela escea na que dunhas telas de cores nace un grandioso barco, con altas chemineas E non só polo impacto da imaxe, senón pola trascendencia que ten na peza a chegada dese navío.

E direi unha cousiña: moi orgullosa estou de ter descubrido o pracer do teatro no IES de Ames.

© Carla Capeáns Pardo, 2012
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.