Crítica teatral: Peza para dous actores, de NNC Teatro


Peza para dous actores
NNC Teatro
Dirección: Bea Méndez

Elenco:
Paula Díaz como Lucía
Roi Méndez como Antón



Crítica teatral
Carla Capeáns (unha principiante)



   Eu quería atopar estreliñas e pedir un desexo. Preguntei polas rúas de Compostela onde podía atopar as estrelas de mellor calidade. Pero entre tanto turista non daba con ninguén experto na materia. Ata que alguén con voz de vello me dixo: "Seica aniñaron naquel teatro unhas estreliñas ben bonitas".
   E alá fun... Sentei coma sempre na butaca indicada naquel anaquiño de papel con tinturas brancas e azuis. Apágase o lucerío da cidade e velaí o espectáculo. Tan só dous personaxes en escea. Cores amarelas pendurando dun ceo que anoitece. Lembroume aos libros de cando era meniña...aqueles contos nos que os personaxes se encartaban e desencartaban. Foi como volver á miña infancia. Era eu a que buscaba estrelas dende a ventá da miña avoa, era eu a que durmía encaracolada no chan mentras esperaba a miña mamá. É iso, máis nada...para qué buscarlle un sentido ou un porqué?
  
   Era un xogo de nenos ou de adultos? Os nenos saben xogar ó xadrez? Os adultos saben xogar ás mentiras? Dous mundos ben distintos e á vez tan ben conectados. Souberon interiorizar dentro dos seus personaxes esas dúas metades facendo que o público esquecera esas preocupacións de adultos para lembrar a súa vida antes de nacer. Ou simplemente para lembrar o que vira 5 minutos antes pero agora dende a perspectiva do absurdo.
   Non teño ningunha puntualización negativa: Non era eu quen miraba para o escenario, era o meu sorriso "777 tallas máis grande que a miña faciana" o que non quería perder detalle. O tempo movíase ao son da lúa: moito, pouco...nada. Ata que de súpeto pasaba una desas estrelas fugaces que tanto lle gustan ao Antón e velaí a alegría e a enerxía dun patio de colexio (no bo sentido do símil). Son os cambios de tempo que tan ben se adaptan ao contido de cada escea os que invita unhas veces a cavilar e outras, a xogar.
   Os actores buscaban ese contacto co público, querían mostrarlle o seu niño a aqueles que os observaban dende o alto daquela árbore. Déronme ganas de subir polas escaleiriñas e xogar ás súas mentiras, abrir o baúl e destapar un novo mundo.
En resumo, moi boa dirección e moi boa interpretación a dos actores. Todo encaixaba dentro dese quebracabezas, non faltaba nin sobraba ningunha peza.

   Os personaxes camiñaban descalzos sobre un chan branco e negro. O son dos seus pasos ao pisar ese chan lembraban algo cotiá... como cando corremos descalzos polo corredor ata meternos debaixo da ducha para non coller frío.
   Os dous sentados, abrigándose dunha chuvieira que nunca cae coma dous nenos esperando a que pase o bus camiño da escola. Ou o cabaliño de madeira, ou os sombreiros, ou a lúa irregular, ou a música... Crearon un ambiente cotiá, pracenteiro, apacible... como cando fai frío e tapas os teus hombros cunha manta pensando... que ben se está aquí dentro á caloriña!








© Carla Capeáns Pardo, 2012

1 comentario:

  1. A - É como navegar nunha barca cun burato no fondo. A auga entra e nos sacámola para non afundir. A auga entra e nós sacámola. A auga entra e nós sacámola. A auga entra e nós sacámola. A auga entra e nós...
    Sen decatarnos de que esa auga que estamos a botar fora e a mesma que, a cada instante, volve entrar na barca. Idénticamente igual...

    L - Entendernos é difícil...

    A - Dificilísimo...

    ResponderEliminar

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.