Crítica Teatral: Comendo pementos de Padrón con Tarantino, de Carrachanacacha

  • Autor e director: Leandro Lamas
  • Elenco: María Veiga, Gena Hernández e Antonio Estévez
  • Compañía: Carrachanacacha

     CRÍTICA TEATRAL           
Función 15 de abril de 2010

     Sentas e esperas…esperas mentras a xente comenta o que fai ou deixa de facer e mentras tanto pensas. Pero eu non pensei. Ou si, pensaba...pero con outro xeito: "Comer comín pimentos de Padrón pero nunca me cadrara comelos con Tarantino". Terceiro aviso e velaí... comeza a función, moi alto, moita enerxía e con un nivel e ritmo que engancha ao espectador. Dunha idea simple chégase a unha complexidade tanto no texto como na interpretación. Personaxes farsescos, deses que me gustan a min, definidos corporalmente con movementos terminados, perfectos. Non hai tempo para caer na monotonía. Non direi que foi un bo traballo de creación de personaxe... direi que foi sublime.

     Pode que teña unha pequena obsesión co espazo escénico e con non sair del e pode que erre ao pensar que non se debe facelo. O negro é o baleiro. Foi o único que non comprendín: fóra dese espazo, no baleiro, estaba situado o pianista, tamén personaxe, pero que neses intres tan só poñía son á historia. En determinados momentos os dous personaxes femininos saían dese espacio delimitado pola escenografía e “pisaban” ese chan negro. Supoño que dende a dirección se quixo resaltar determinadas escenas e esa era unha maneira de facelo. Pero si penso nesa cuestión máis detidamente algo me dí que ese “paso cara o baleiro” pretendía simplemente liberar a eses personaxes da limitación que sempre supón o espacio escénico. E porque? porque os personaxes medraban e precisaban transmitirlle ao público a súa enerxía, a súa vida. Non quero ver a actrores que fan de algo… Quero ver personaxes, quero comer pimentos de padrón con Tarantino!

     Como espectadora descubrín de novo o teatro. Aínda que non levo moitos anos neste mundo, nunca antes tivera esa sensación: saír do teatro cun sorriso tres tallas máis grande que a miña cara e sentir que ese era o meu teatro, o teatro que quería experimentar agora. Todo era perfecto, era meu. Todo era colorido, todo era simple e ao mesmo tempo complexo. Non había un detalle que se lle escapara ao director: o teléfono, a carta (de polo menos 5 ou 6 km de longo), as cores do vestiario, as gafas de bucear, a radio…todo simplemente PERFECTO.

Comendo pementos de Padrón con Tarantino, de Carrachanacacha
© Carla Capeáns Pardo, 2012

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.