As Cuñadas, de novo nos xornais

Aquí vos deixo a noticia que me fixo sorrir hoxe á mañá...

http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2010/03/02/0003_8327590.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz

Risas e aplausos para os desvelos femininos nos 70

02.03.2010, 0:00 Patricia Blanco

Boa parte das butacas da Casa de Cultura de Vimianzo ocupáronse para ver «As cuñadas» sobre o escenarioCando a vida dun xa non dá moito máis de si e xa non é quen de decidir coller outro camiño, quen vive esa vida, se así se pode dicir, pasa a entregarlle a felicidade a mudar o mobiliario da casa. Tamén as cortinas, por unhas de raso ou seda, que, para o caso, vén a ser o mesmo. Nova vaixela de Duralex, tocadiscos e abrigo. É o que lle pasa a Amalia (na realidade, Bea Méndez), a muller que conduce a obra As cuñadas, interpretada pola Aula de Teatro da USC en Vimianzo. Amalia ten dous fillos. Un no que pon os seus soños da estudante que non foi e unha (Aurora, é dicir, Natalia Vázquez) enriba da cal bota as cargas que as mulleres levaban no 1977, instaurada xa a democracia. No medio de tan miserable vida, a muller resulta premiada con un millón de cupóns Spar. Con eles poderá solicitar todos eses regalos que, pensa, a han facer máis feliz. Reúne co fin de pegalos nas correspondentes cartillas a amigas e irmás. É a época de Fiebre del Sábado Noche. Tamén o tempo das miradas postas na libertaria América, simbolizada pola Coca-Cola e un postín de elegancia falsa que tan ben interpreta Carla Capeáns (Elena). Ata a sinxela e humilde cociña de Amalia van chegando Pilar (Patricia Coucheiro) e Valentina (Ana Conde). A primeira é a típica muller frustrada, que viu na viuvez a súa porta de saída. Algo que intenta agochar, pero que se acaba sabendo. Coma todo. A segunda é a irmá cándida de Amalia, a boa. Un novo estereotipo que se derruba, coma tantas cousas naqueles anos, cando queda embarazada dun home que non é dela nin de ninguén. Desfilan pola cociña da obra, pois, vidas postizas e falsas existencias. Coma a de Teresa, cabreada co mundo por ter que coidar da súa sogra, de tres fillos e dun home que nunca está satisfeito, agás as tardes nas que xoga o Deportivo. A señora Pitón entra en escena (en realidade é Roi Méndez) en forma de anciá que non dá máis que traballos. Quizais por iso o fai un home. Lolita, a ovella negra da familia de Amalia, chega e amosa que ela é a que ten mala fama, pero, curiosamente, coa súa sinceridade descubre as falsidades das outras mulleres. As cuñadas de M. Tremblay, nesta adaptación de Roberto Salgueiro, é unha obra para rirse e recuar. Son tempos novos nos que se busca a liberación feminina aínda que sexa a base de chistes verdes e cancións.

Graciñas Vimianzo

1 comentario:

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.