Feira Galega das Artes Escénicas 2009

O venres 23 rematou a Feira Galega das Artes Escénicas 2009. Déixovos o cadro de actuacións das compañías.
Foron moitas os espectáculos presentados este ano na Feira das Artes Escénicas pero tan só puiden asistir ás funcións do Salón Teatro:
Glass City (cidade de cristal) Teatro do Noroeste
Autor: Eduardo Alonso Dirección: Eduardo Alonso Elenco: Xavier Estévez, Luma Gómez, Carlos Mosquera "Mos", Maxo Barjas, Monti Castiñeiras, Xan Casas, Christian Escuredo, Ramón Orencio, Fernando Tato, Fernando González, Brandán Lourenzo, Brais Morán, Julia Méndez, Julia Sánchez.
Nos últimos días de agosto de 1958, cando o xefe do Estado español, o ditador Francisco Franco, pasa os veráns no pazo de Meirás, transformando A Coruña na capital de España, nesta cidade agardan a que chegue a comitiva gobernamental para comezar a desplumar, en diversas partidas de cartas, os visitantes madrileños que acompañan ás autoridades. Tamén inaugurarán moitas entidades e, como di o seu alcalde, Alfonso Molina, no seu bando: "Os veciños deben estar preparados para engalanar os seus balcóns e galerías con colgaduras e magníficas iluminacións... Que a inmensa ledicia que sentimos ao vernos honrados coa presenza do primeiro español (refírese a Franco) saia de forma natural ao exterior demostrando como se lle quere na súa terra".
Wake Up Nut Teatro
Autoría: Nut Teatro
Dirección: Carlos Neira
Música: Alain Baumann (Konic Thtr)
Elenco: Nerea Barros, Xiana Carracelas, Arantza Villar, Iria Sobrado, Carlos Neira
Con Wake Up a compañía Nut Teatro continúa a liña de traballo trazada nas súas anteriores propostas escénicas, onde apostaba por obras experimentais que combinaban fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á arte realizativa ou de acción. O espectáculo reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas de novos modelos de convivencia que o devir dos tempos fixo aparecer: as camas quentes, expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres.Cando se derruba a fachada dunha casa queda nas paredes unha pegada da vida vivida tras ela: pintura descascada, azulexos, papel de parede, vigas de madeira, limiares. Paredes que xa non resgardan nada, á intemperie, espazos abertos que manteñen anacos de materiais vellos, estruturas espidas.
A esmorga Sarabela Teatro
Autor: Eduardo Blanco Amor Dirección: Ánxeles Cuña Bóveda Adaptación: Begoña Muñoz, Carlos Couceiro
Elenco: Fernando Dacosta, Suso Díaz, Josito Porto, Nate Borrajo, Rosa Álvarez, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja, Tito Asorey
A esmorga é unha traxedia aceda e cruel de tres homes marxinais e marxinados que ao longo de vinte e catro horas deambulan polos arrabaldes de Auria -transfondo ficcional da cidade de Ourense-. Perseguidos pola Xustiza e baixo a choiva e o frío da noite, Cipriano Canedo, obreiro (O Cibrán ou O Castizo), Juan Fariña (O Bocas, O Alifante), sen oficio coñecido, e Eladio Vilarchao (O Milhomes, O Maricallas), xastre de profesión, atopan o seu desafogo no alcohol, no sexo e na violencia. A entrega aos praceres máis primarios, como fuxida á adversa realidade en que viven, lévaos á autodestrución.
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.