Iván Marcos presenta 'Eco', en coprodución co Centro Dramático Galego

Ficha técnica
Autor: Iván Marcos.
Intérprete: Iván Marcos. Música: Christian Wolz. Iluminación/vídeo: Alberto Santos. Produción: Iván Marcos e o Centro Dramático Galego. Dirección: Iván Marcos. Días 17 e 18 (20:30h) e 19 de abril (18:00h) do 2009 no Salón Teatro
Eco, que investiga o momento no que unha figura, un son, un ente, se libera dunha superficie e alcanza a súa propia independencia. Fala do momento no que un toman decisións sobre o que quere ser como ser humano, o momento no que un anaco de barro toma unha forma determinada, o momento no que os arredores xeolóxicos se dividen creando un novo espazo físico e diferenciado.
A proposta parte dun estudo detallado para chegar a comprender as conexións máis amplas e complexas, onde os diferentes elementos, como a linguaxe, a materia ou o son, se exploran de forma illada e descontextualizada, coa intención de estabelecer novas conexións, novas formas de percibir e de establecer relacións entre as cousas. O actor, é dicir o propio Marcos, estará entre eses obxectos, converténdose ao mesmo tempo nun obxecto de estudo; o seu corpo, a súa voz ou as súas experiencias serán estudadas e analizadas, fragmentadas e reorganizadas, para posteriormente ser reintegradas no contexto escénico no que se atopa coa intención de estabelecer unha nova percepción sobre si propio sobre os límites que o fan identificábel como tal, e sobre o microcosmos e macrocosmos que o rodean. En escena, a acción irá oscilando entre a superficie e a profundidade, entre unha realidade bidimensional que é o vídeo e outra realidade tridimensional que é a escena. O son será sempre tridimensional, posto que a voz, a música e o son, a miúdo manipulados e expandidos, creados como ecos intensos de lugares concretos, fixan as imaxes nun lugar e nunha xeografía específicas. No centro do escenario, haberá unha plataforma xiratoria que será usada como escaparate dende o que observar, diseccionar e analizar o corpo e a voz do performer e das materias que se presenten na mesma. Aínda que tamén será unha plataforma viva e dinámica desde a que confrontar os suxeitos analizados coa realidade dun medio cambiante. As cámaras de vídeo recollerán as imaxes que serán magnificadas posteriormente, os micrófonos amplificarán o son, o sistema de rotación fará que aumenten os posíbeis ángulos de percepción. Deste xeito, partindo da imaxe, o son e o movemento, combinado co uso de diversas tecnoloxías dixitais, Eco tratará de reformular preguntas sobre os procesos de formación de identidades diferenciadoras, sobre o momento no que a un ente atribúenselle certas características fundamentais que o diferencian da súa contorna. Eco será ao mesmo tempo un evento que tratará de forma fenomenológica o proceso de formación da linguaxe, intentando xerar espazo para gañar consciencia sobre o instante no que a un obxecto ou a unha situación, atribúeselle un son que o representa ou unha imaxe que o simboliza, facéndoo comunicable e transmisible, pero ao mesmo tempo reducíndoo a un número finito de características.

Busca no Blog

Cargando...
Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.