Mostra de Teatro Infantil de Nadal 2009

Levade aos nenos ao Teatro!!!!! Entre o 26 de Decembro e o día 30 deste mesmo mes terá lugar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal 2009 no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O prezo é de 6 euros (bono 30 euros)
Achégovos a programación (houbo algúns cambios que xa están incluidos aquí mesmo):
Sábado 26
Trompicallo Teatro con "Violeta Coletas contra as salchichas Gulp!"
Horario: ás 19:00h
Dirección: Marián González
A Violeta non lle gusta estudar, a Violeta gústalle ver a tele. A Violeta non lle gustan as acelgas, a Violeta gústanlle as salchichas. A Violeta non lle gusta Sarita, a Violeta gústalle Miguel. A Violeta non lle gusta que a súa nai lle dea ordes, a Violeta gústalle escoller... aínda que un extraordinario suceso fará que cambie de opinión.
Domingo 27
Caramuxo Teatro con "Os Bolechas"
Horario: ás 19:00h
Dirección: Juan Rodríguez e Laura Sarasola

Caramuxo teatro presenta o grande éxito editorial galego. Os Bolechas é unha comedia musical con monicreques; un espectáculo que nos amosa un día na vida desta divertida familia, onde coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e a Carlos, o máis vello dos irmáns. Luns 28 Ángels Margarit/Cía. Mudances (Cataluña) con "Flexelf" Horario: ás 19:00h Dirección e coreografía: Àngels Margarit

O espectáculo nace da palabra e a palabra flexelf nace do movemento dun punto que se converte en liña, se enrosca, se reflicte e se repite. Flexelf fala da escritura do corpo no espazo, caligrafía efémera de linguas exóticas e xeometrías rebuldeiras. Todo o que hai en flexelf móvese, dóbrase ou engúrrase; cada forma transfórmase e convida a viaxar, a descubrir que non todo é o que parece ou a inventar que parece o que vemos.
Martes 29 Teatro de Montemouro (Portugal) con "Maos Grandes" Horario: 18:00h e 19:00h Autoría: Thérèse Collins
Esta é a historia dun panadeiro que conta a todos os cativos que visita a historia do pan desde a Antigüidade, desde os exipcios, desde o gran, desde hai moito, moito tempo. Conta a súa historia, como aprendeu a facer pan, como a súa nai o ensinou. Personaxes divertidos e coloridos dun palmo e medio de estatura dan vida a un espectáculo dirixido principalmente aos máis cativos. Trátase dunha montaxe divertida e accesible, cun forte compoñente educativo.
Mércores 30 A Priori Producciones (Guadalaxara) con "El Sable y la Paloma" Horario: ás 19:00h Dramaturxia e dirección: Marta Torres
Un soldado e unha fada comparten as horas previas a unha batalla. El, un malhumorado capitán, prepárase para enfrontarse a todo un exército. A fada quere concederlle un desexo, pero antes tentará contaxiarlle o seu respecto pola igualdade dos seres humanos. As peripecias en que se ven envoltos os personaxes farán desaparecer a posibilidade da batalla?Espectáculo estreado co gallo do 50º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Salón Teatro
Rúa Nova 34 - 15705 Santiago de Compostela
telf: 981 58 11 11

1 comentario:

  1. E que máis hai pra facer polos teatros de Compostela no nadal? Imoslle ver algunha obra?
    Bikiños Carliña e bon nadal!

    ResponderEliminar

Deseño do blog por Roi Méndez. Con la tecnología de Blogger.